Noticias do clube
Lalín 26 - 10 Campus Ourense
Publicado o 08/03/10
Campus Ourense Rugby remata o ano cunha derrota en terras de Lalín. Os ourensáns perderon por 26 – 10 nun encontro trabado, no que houbo alternancia de posesións para ambos equipos, aínda que como ven sendo a tónica xeral este ano, os ourensáns non souberon converter en puntos o seu dominio da pelota.
Deste xeito o Campus remata a liga na sétima posición, un resultado que non deixa bo sabor de boca, xa que a expectativa era moi superior.
Coa liga xa rematada é tempo para a disputa da Copa Galicia que dará comezo en poucas semanas e na que aínda non se sabe cal será o rival dos ourensáns.
Visita a Lalín
Publicado o 04/03/10
Campus Ourense Rugby visita esta fin de semana aos Abellóns RC de Lalín, no que será o derradeiro partido de liga este ano.
Os ourensáns agardan rematar esta liga cunha vitoria que lles deixe un bo sabor de boca despois da mala campaña realizada, da que se agardaba mais.
O Lalín atópase a 7 puntos dos ourensáns na táboa de clasificación, cunha vitoria mais co Campus.
O equipo viaxará ao completo para este encontro despois das baixas dos últimos partidos.
O encontro disputarase no Manuel Anxo Cortizo de Lalín ás 16,15 horas do sábado.
Os Ingleses 36 - 5 Campus Ourense
Publicado o 22/02/10
Campus Ourense Rugby perdía na mañá do domingo en Vilagarcía nun duro partido, marcado pola meteoroloxía adversa. Nun campo encharcado e con forte vento e choiva, os ourensáns, cheos de baixas, levaron a iniciativa nos primeiros minutos, cun xogo de dianteira moi compacto co que pecharon aos locais na súa zona de ensaio varios minutos, podendo conseguir pousar o balón nun par de ocasións, que finalmente quedaron en nada por erros na finalización.
O dominio da dianteira ourensá viuse respondido cos contragolpes do equipo de Os Ingleses, que moito mais efectivos lograron 2 ensaios nas súas primeiras incursións en territorio ourensán.
Antes de ir ao descanso os locais conseguían un terceiro ensaio, deixando en nada o dominio da pelota dos ourensáns. Ao descanso 17-0 en contra do Campus.
Na segunda parte Os Ingleses saíron a por todas, tentando conseguir o cuarto ensaio que lles dera o bónus, e así o conseguiron ao pouco de comezar, nunha boa xogada de equipo. Nesta segunda metade o dominio da pelota estivo en mans dos locais, aínda que o xogo non foi vistoso debido ao mal estado do terreo de xogo e a choiva intensa que caía sobre os xogadores. Nos derradeiros minutos, alternancia dos ataques en ambos equipos, conseguindo os locais dos ensaios por un dos visitantes, que deixaban un resultado ao final de 36-5.
Destacar o papel desenvolvido pola dianteira ourensá que controlou as fases estáticas e estivo moi activa en ataque en todo momento. Nos tres cuartos destacamos a intensidade no xogo de Diegote, que ademais conseguiu o ensaio dos ourensáns.
Nova derrota, pois para Campus Ourense Rugby que está a realizar unha segunda volta para esquecer, limitados polas baixas e faltos de moral.
A vindeira semana non haberá competición, xa que xoga a Selección Galega. En quince dias os ourensáns viaxarán a Lalín, para disputar o derradeiro partido da liga contra os locais os Abellóns.
Previa: Os Ingleses RC - Campus Ourense
Publicado o 18/02/10
Campus Ourense Rugby desprázase esta fin de semana a Vilagarcía para enfrontarse aos Ingleses RC en partido de liga.
Os ourensáns visitan o campo no que o ano pasado conseguiron a vitoria no derradeiro partido de liga. Ademais, este ano na primeira volta, o Campus Ourense perdía en Monterrei fronte aos Ingleses nun axustado final, no que os visitantes se impuñan co tempo xa cumprido cun ensaio de castigo transformado.
Os ourensáns viaxan coa moral alta a pesares de que os últimos resultados non foron demasiado bos para as aspiracións do equipo de saír da zona baixa da clasificación.
O encontro será arbitrado polo colexiado Francisco Cobas, no campo de Fontecarmoá ás 11,30 da mañá do domingo.
Torneo escolas de Rugby
Publicado o 11/02/10
Este sábado dia 13, aproveitando o descanso ligueiro do equipo sénior de Campus Ourense Rugby, disputarase un torneo entre os xogadores das diferentes escolas de rugby que o club ten na cidade.
Será dende as 15,00 horas no habitual campo de Rugby de Monterrei, onde os rapaces e rapazas adestrados por Yayo e Lucas gozarán dunha tarde de rugby con terceiro tempo incluído
Será para moitos deles o primeiro partido de Rugby que disputen, polo que estades todos invitados a subir a Monterrei a animalos.




