Noticias do clube
Os Ingleses 36 - 5 Campus Ourense
Publicado o 22/02/10
Campus Ourense Rugby perdía na mañá do domingo en Vilagarcía nun duro partido, marcado pola meteoroloxía adversa. Nun campo encharcado e con forte vento e choiva, os ourensáns, cheos de baixas, levaron a iniciativa nos primeiros minutos, cun xogo de dianteira moi compacto co que pecharon aos locais na súa zona de ensaio varios minutos, podendo conseguir pousar o balón nun par de ocasións, que finalmente quedaron en nada por erros na finalización.
O dominio da dianteira ourensá viuse respondido cos contragolpes do equipo de Os Ingleses, que moito mais efectivos lograron 2 ensaios nas súas primeiras incursións en territorio ourensán.
Antes de ir ao descanso os locais conseguían un terceiro ensaio, deixando en nada o dominio da pelota dos ourensáns. Ao descanso 17-0 en contra do Campus.
Na segunda parte Os Ingleses saíron a por todas, tentando conseguir o cuarto ensaio que lles dera o bónus, e así o conseguiron ao pouco de comezar, nunha boa xogada de equipo. Nesta segunda metade o dominio da pelota estivo en mans dos locais, aínda que o xogo non foi vistoso debido ao mal estado do terreo de xogo e a choiva intensa que caía sobre os xogadores. Nos derradeiros minutos, alternancia dos ataques en ambos equipos, conseguindo os locais dos ensaios por un dos visitantes, que deixaban un resultado ao final de 36-5.
Destacar o papel desenvolvido pola dianteira ourensá que controlou as fases estáticas e estivo moi activa en ataque en todo momento. Nos tres cuartos destacamos a intensidade no xogo de Diegote, que ademais conseguiu o ensaio dos ourensáns.
Nova derrota, pois para Campus Ourense Rugby que está a realizar unha segunda volta para esquecer, limitados polas baixas e faltos de moral.
A vindeira semana non haberá competición, xa que xoga a Selección Galega. En quince dias os ourensáns viaxarán a Lalín, para disputar o derradeiro partido da liga contra os locais os Abellóns.
Previa: Os Ingleses RC - Campus Ourense
Publicado o 18/02/10
Campus Ourense Rugby desprázase esta fin de semana a Vilagarcía para enfrontarse aos Ingleses RC en partido de liga.
Os ourensáns visitan o campo no que o ano pasado conseguiron a vitoria no derradeiro partido de liga. Ademais, este ano na primeira volta, o Campus Ourense perdía en Monterrei fronte aos Ingleses nun axustado final, no que os visitantes se impuñan co tempo xa cumprido cun ensaio de castigo transformado.
Os ourensáns viaxan coa moral alta a pesares de que os últimos resultados non foron demasiado bos para as aspiracións do equipo de saír da zona baixa da clasificación.
O encontro será arbitrado polo colexiado Francisco Cobas, no campo de Fontecarmoá ás 11,30 da mañá do domingo.
Torneo escolas de Rugby
Publicado o 11/02/10
Este sábado dia 13, aproveitando o descanso ligueiro do equipo sénior de Campus Ourense Rugby, disputarase un torneo entre os xogadores das diferentes escolas de rugby que o club ten na cidade.
Será dende as 15,00 horas no habitual campo de Rugby de Monterrei, onde os rapaces e rapazas adestrados por Yayo e Lucas gozarán dunha tarde de rugby con terceiro tempo incluído
Será para moitos deles o primeiro partido de Rugby que disputen, polo que estades todos invitados a subir a Monterrei a animalos.
Belenos 31 - 8 Campus Ourense
Publicado o 07/02/10
Campus Ourense Rugby non foi quen de conseguir a vitoria fronte a Belenos RC no encontro disputado esta fin de semana en Avilés.
Os ourensáns comezaron dominando o encontro, e cun xogo moi dinámico da dianteira, pecharon aos asturianos na súa zona de vintedous.
O dominio visitante reflectiuse no marcador trala consecución dos primeiros 3 puntos, anotados por Pelos cun drop tras unha xogada de fases dos dianteiros.
Durante estes momentos iniciais de dominio, os ourensáns tiveron varias opcións de anotar ensaios, pero os erros na finalización das xogadas impedírono.
Segundo pasaban os minutos, o equipo do Belenos ía obtendo mais balóns en ataque, cos que igualaba a posesión do xogo co Campus. A diferenza dos ourensáns, o equipo asturiano aproveitou moi ben as súas chegadas, conseguindo dous ensaios nos últimos minutos da primeira parte, que deixaban un 12-3 ao descanso.
Na segunda parte, un inicio fulminante do equipo local deixaba contra as cordas aos ourensáns, que encaixaban dous ensaios mais ao comezo do período, que transformados puñan no marcador un 26 – 3 que complicaba moito a opción de vitoria visitante.
No resto da segunda metade houbo alternancia de ataques por parte de ambos equipos, que conseguiron anotar un ensaio cada un, o dos ourensáns despois dunha destacable xogada de equipo que comezou na súa propia zona de vintedous.
Ao final do encontro o resultado 31-8, nova derrota para os ourensáns, quizais mais ampla do merecido.
Destacamos o bo partido disputado por Diegote, Aleja e Agui polos visitantes, que estiveron moi activos en todo o encontro.
Visita a Avilés
Publicado o 03/02/10
Campus Ourense Rugby retoma a competición esta fin de semana coa súa visita a Avilés, para enfrontarse ao equipo local de Belenos RC.
Os asturianos, que ocupan a segunda praza da liga, converteron o seu campo nun fortín, de xeito que ningún equipo foi quen de apañar puntos nel este ano.
Iso é o que tentarán conseguir os xogadores de Ernesto para recuperarse ademais dos malos resultados das últimas xornadas. Os ourensáns deberán saír ao cen por cen dende o primeiro minuto se queren conseguir unha vitoria que os achegue de novo aos postos medios da táboa de clasificación.
O Campus Ourense recupera a moitos xogadores para este encontro, e poderá contar con todo o cadro, salvo Metita e Seo que continúan a recuperarse da súas respectivas lesións.




